Comunicado

A piques por fin de iniciar as accións legais pertinentes, e porque conto cunha traxectoria profesional pública de máis de trinta anos na cultura galega como consultora, xestora, activista e creadora, véxome na obriga de emitir un comunicado para defender o meu prestixio e a miña reputación.

Dado que empeñei a miña palabra persoal con centos de organizacións, empresas, institucións e axentes culturais de Galicia en nome do grupo Galaxia, no que fun directora xeral de Merlín comunicación e simultaneamente directora comercial da editorial Galaxia, ambas empresas do grupo Galaxia, entre setembro de 2021 e novembro de 2022.

Como me resulta imposible dar a todas esas persoas unha explicación breve que non se preste a novas suspicacias sobre o meu despido de Galaxia, logo de todas as que xa chegaron ao meu coñecemento.

E debido ás consecuencias profesionais nefastas que para min tivo e está a ter tal despido, que considero inxustísimo e cruel, á hora de intentar continuar a exercer a miña profesión en Galicia. A expresión máis adecuada é que me destrozaron a vida por completo só por intentar cumprir co meu traballo.

Véxome na necesidade de facer pública a información seguinte que, entendo, é a máis relevante neste momento, dun asunto moito máis complexo:

  1. Son accionista de Galaxia desde hai moitos anos, tratei os fundadores na miña xuventude e até fun unha das persoas chamadas e entrevistadas para dirixir a editorial cando finalmente seleccionaron o director xeral actual. E, antes da miña entrada en 2021, xa tiña prestado distintos servizos á editora ao longo de todos eses anos. O meu afecto e a miña consideración por Galaxia non están en cuestión, todo ao contrario.
  2. O meu cometido principal como directora xeral de Merlín era deseñar, completar financiamento e executar o plan de modernización dixital do grupo Galaxia.
  3. Todas as accións profesionais que levei a cabo no grupo Galaxia foron aprobadas polos meus superiores de entón, o presidente e o conselleiro delegado como mínimo.
  4. Durante 14 meses sufrín acoso e discriminación durísimos por parte do director xeral da Editorial Galaxia, así como do presidente e do conselleiro delegado do Grupo Galaxia, que non fixeron nada máis por impedilo que pedirme que aguantase, malia pedírllelo eu en repetidas ocasións e por distintos medios. Ademais, padecín unha situación laboral irregular e accións ofensivas contra a miña persoa que agora non veñen ao caso.
  5. Chegado un momento, entendín e sigo a entender que o cambio brusco de decisións que me comunicou o presidente, contrarias aos meus criterios técnico e organizativo, polo proxecto principal, previamente aprobado polo consello de administración, convertía o plan de modernización en inviable, ademais de situalo aos meus ollos probablemente fóra da legalidade. Por esas razóns foi que comuniquei aos meus superiores que non podía asumir a responsabilidade sobre as súas decisións, que eu entendía nefastas para a empresa, e un serio risco para min en varios sentidos.
  6. Logo dunha reunión cordial en que se me anunciaron solucións aos problemas, abríuseme un expediente disciplinario.
  7. Neste punto, solicitei a todos e cada un dos membros do consello de administración que me concedesen audiencia, adiantando e detallando todas as razóns que me levaban a pedir o seu amparo. Mais nunca tiven resposta.
  8. En novembro de 2022, logo de case dous meses na oficina sen cometido, e logo de resolver o expediente na miña contra, notificóuseme que se me despedía con despido obxectivo, aínda que finalmente este se converteu en improcedente no acto de conciliación.
  9. Quero engadir que pido desculpas a esxs autorxs que viñeron a min con problemas porque, ademais de que non os puiden resolver, é posible que o simple feito de telos posto enriba da mesa na empresa lles teña feito máis mal que ben.
  10. Para rematar este comunicado, debo engadir que non me soan descoñecidas as malas prácticas que están a sinalar varixs autorxs nestes días, e aproveito para agradecer as súas palabras. Creo que van ser beneficiosas para a nosa cultura, porque é preciso construír sobre bases firmes para que as casas resistan. En boa medida, é así como se xustifica o esforzo que require poñelas en pé.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Español