A piques por fin de iniciar as accións legais pertinentes, e porque conto cunha traxectoria profesional pública de máis de trinta anos na cultura galega como consultora, xestora, activista e creadora, véxome na obriga de emitir un comunicado para defender o meu prestixio e a miña reputación.
Dado que empeñei a miña palabra persoal con centos de organizacións, empresas, institucións e axentes culturais de Galicia en nome do grupo Galaxia, no que fun directora xeral de Merlín comunicación e simultaneamente directora comercial da editorial Galaxia, ambas empresas do grupo Galaxia, entre setembro de 2021 e novembro de 2022.
Como me resulta imposible dar a todas esas persoas unha explicación breve que non se preste a novas suspicacias sobre o meu despido de Galaxia, logo de todas as que xa chegaron ao meu coñecemento.
E debido ás consecuencias profesionais nefastas que para min tivo e está a ter tal despido, que considero inxustísimo e cruel, á hora de intentar continuar a exercer a miña profesión en Galicia. A expresión máis adecuada é que me destrozaron a vida por completo só por intentar cumprir co meu traballo.
Véxome na necesidade de facer pública a información seguinte que, entendo, é a máis relevante neste momento, dun asunto moito máis complexo:
- Son accionista de Galaxia desde hai moitos anos, tratei os fundadores na miña xuventude e até fun unha das persoas chamadas e entrevistadas para dirixir a editorial cando finalmente seleccionaron o director xeral actual. E, antes da miña entrada en 2021, xa tiña prestado distintos servizos á editora ao longo de todos eses anos. O meu afecto e a miña consideración por Galaxia non están en cuestión, todo ao contrario.
- O meu cometido principal como directora xeral de Merlín era deseñar, completar financiamento e executar o plan de modernización dixital do grupo Galaxia.
- Todas as accións profesionais que levei a cabo no grupo Galaxia foron aprobadas polos meus superiores de entón, o presidente e o conselleiro delegado como mínimo.
- Durante 14 meses sufrín acoso e discriminación durísimos por parte do director xeral da Editorial Galaxia, así como do presidente e do conselleiro delegado do Grupo Galaxia, que non fixeron nada máis por impedilo que pedirme que aguantase, malia pedírllelo eu en repetidas ocasións e por distintos medios. Ademais, padecín unha situación laboral irregular e accións ofensivas contra a miña persoa que agora non veñen ao caso.
- Chegado un momento, entendín e sigo a entender que o cambio brusco de decisións que me comunicou o presidente, contrarias aos meus criterios técnico e organizativo, polo proxecto principal, previamente aprobado polo consello de administración, convertía o plan de modernización en inviable, ademais de situalo aos meus ollos probablemente fóra da legalidade. Por esas razóns foi que comuniquei aos meus superiores que non podía asumir a responsabilidade sobre as súas decisións, que eu entendía nefastas para a empresa, e un serio risco para min en varios sentidos.
- Logo dunha reunión cordial en que se me anunciaron solucións aos problemas, abríuseme un expediente disciplinario.
- Neste punto, solicitei a todos e cada un dos membros do consello de administración que me concedesen audiencia, adiantando e detallando todas as razóns que me levaban a pedir o seu amparo. Mais nunca tiven resposta.
- En novembro de 2022, logo de case dous meses na oficina sen cometido, e logo de resolver o expediente na miña contra, notificóuseme que se me despedía con despido obxectivo, aínda que finalmente este se converteu en improcedente no acto de conciliación.
- Quero engadir que pido desculpas a esxs autorxs que viñeron a min con problemas porque, ademais de que non os puiden resolver, é posible que o simple feito de telos posto enriba da mesa na empresa lles teña feito máis mal que ben.
- Para rematar este comunicado, debo engadir que non me soan descoñecidas as malas prácticas que están a sinalar varixs autorxs nestes días, e aproveito para agradecer as súas palabras. Creo que van ser beneficiosas para a nosa cultura, porque é preciso construír sobre bases firmes para que as casas resistan. En boa medida, é así como se xustifica o esforzo que require poñelas en pé.